xoves, 23 de febreiro de 2017

"Paterson", deliciosa obra mestra

Para Carolina Sanmartín e a Eterna e bella distimia
Ao longo da miña vida teño visto moitas, moitas películas de toda clase e condición. A meirande parte delas responde a esquemas industriais, producidas baixo códigos que non se desvían moito do que denominamos cine mainstream, do que estamos a falar en clase nestes días no tema "De Griffith á Spielberg". Un, case sempre ten a sensación do "deja vu", con filmes predicíbeis, de rápido consumo e esquecemento inmediato. Sen embargo, hai días no que "algo" consigue racharnos o corazón e nos reconcilia co cinema como xeito de representación artística. Onte vin "Paterson", última creación dun dos meus directores de referencia, Jim Jarmusch.  Un director-músico-poeta que afirmaba que "prefería rodar unha película sobre un home que saca a pasear ao seu can que unha sobre o emperador da China". E resulta evidente que para calquera espectador alleo ao cinema, ou que viva só no binomio Hollywood-palomitas, débelle resultar moi aburrido ver como en moitos dos filmes de Jarmusch  "non pasa nada", o mesmo aburrimento e incomprensión dos que miran os cadros de Picasso, Van Gogh, Miró ou Matisse afirmando "que non saben pintar", porque entenden que a arte pictórica só e a pintura realista de Velázquez. Mais coma sempre, todo depende da mirada. "Hai mais luz da que entra pola ventana", que dicia Chejov.



"Paterson" é unha verdadeira ledicia, unha obra mestra marabillosa que irá crecendo na memoria segundo pase o tempo. Dentro de 30 anos ninguén lembrará "La La Land", mentres Paterson será un clásico. A película consigue que a beleza da realidade brille como un astro na espantosa repetición de vulgares buratos negros nos que se está a converter o cinema contemporáneo. Poesía en imaxes, Hipnótica e extraordinaria. Adopta en si mesma unha forma poética, non tanto na expresión visual como na súa estrutura narrativa. Así pois, non lle busquemos a historia o catalizador de apertura, puntos de xiro ou as pinzas do guión clásico, porque está nas antípodas do cine institucional e do cinema de palomitas. Como si fose un poema de sete estrofas, o filme amosa e vida diaria do protagonista, condutor de autobús e poeta, durante os sete días dunha semana. O ritmo interno -(iso que está prohibido dicir, "película lenta")- ven marcado pola cadencia da rutina; dentro dun mesmo patrón xeral repetitivo, como a música minimalista, que celebra a beleza da realidade, da observación calmada das pequenas cousas, que ao final son as máis fermosas e extraordinarias. As pausas, os tempos mortos, o reloxo, o can malencarado, unha conversa allea no autobús, unha cerilla, a caña nocturna no bar, as conversas da parella..etc.Todo é un eloxio do esplendor do cotián, e da arte como forma de relación coa cotidianeidade. Arte e vida coincidentes e formando parte das xentes que viven e aman nunha pequena cidade. Hai que deixarse levar para disfrutar desta obra mestra...
Por certo, o actor protagonista é Adam Driver, o villano de "Star wars: El despertar de la fuerza"

Non escribo máis para non pasarme de frenada e aburrirvos. Penso que queda ben patente o meu entusiasmo por esta película e o por qué me lembrei de Carolina ao vela. Mais estou seguro que si lle dades unha oportunidade e vos enxergades en Paterson deixandovos levar pola súa maxia,  ao día seguinte veredes a rutina da vosa vida no Instituto "con outros ollos". Paterson é unha das escasas e raras películas que si conquistan o teu corazón, o seu arume te acompaña a todas as horas e o ronsel da poesía e o sorriso permanecerá durante os días seguintes contigo. Si queredes deixar aquí a vosa opinión, será benvida...

Ningún comentario:

Publicar un comentario